As vendas de gasolina caen ata un noventa por cento

BOIRO> Transcorrido xa máis dun mes da declaración do estado de alarma, son moitas as empresas que cada vez ven máis complicado manterse a flote. Un dos sectores máis afectados é o dos talleres mecánicos que tan só atenden reparacións urxentes. Igual ou peor acontece coa venda de combustible, que rexistra unha caída de ata o noventa por cento.

Esta imaxe, sen apenas vehículos repostando, é a que máis se repite na estación de servizo Garlou, en Boiro. As vendas de gasolina baixaron nun noventa por cento. Situación similar vívese no taller do que dispón esta estación de servizo. Tan só atenden reparacións urxentes de traballadores de servizos esenciais.

A drástica baixada da actividade e dos ingresos xa tivo as súas consecuencias entre o cadro de persoal. E a pesar das medidas, a falla de liquidez compromete o futuro deste sector que reclama máis medidas de apoio, especialmente no eido fiscal. 

Ás dificultades económicas hai que engadir a lóxica preocupación dos traballadores en materia sanitaria. Aínda que adoptaron tódalas medidas de precaución posibles, están cara ó público polo que o risco sempre existe.

Á espera de que se desactive o estado de alarma, son conscientes que a economía tardará aínda en recuperarse. Agardan que pouco a pouco a vida vaia volvendo á normalidade e esta imaxe da estación baleira quede tan só no recordo.