Educación inicia a conversión do IES Coroso en centro integrado

    iescoroso_100_020307.jpgRIBEIRA > O PSOE ribeirés anunciou o inicio das xestións coa Consellería de Educación para que o IES Coroso sexa incluído na lista de centros integrados.

    A Consellería de Educación xa iniciou as xestións para converter ó Instituto ribeirés de Coroso nun centro integrado de cara ó vindeiro curso escolar. Esta decisión supón a incorporación da ciclos formativos en distintas ramas profesionais que, para os socialistas ribeireses, virá satisfacer unha importante necesidade en toda a comarca do Barbanza.

    Tralo anuncio desta decisión, o voceiro do PSOE ribeirés, Xosé Vicente Domínguez, amosouse moi crítico coa actitude ‘demagóxica e obstrucionista da maioría do PP’ que, ó seu parecer, ‘fixo canto estivo na súa man para que o IES Coroso non se convertira en centro integrado pola única razón de ser unha iniciativa da actual Xunta de Galicia’.

    Domínguez vai máis aló e acusa ó director do centro, Xosé Antonio Ventoso Mariño, de dividir á comunidade educativa coa ‘súa obstinada negativa ó diálogo, loitando por impoñer o seu criterio en lugar de polos intereses económicos e sociais da comarca’. Por este motivo, considera que o cese do director ‘debería ser o primeiro paso para conquerir o novo centro integrado’.

    Pola súa banda, a concelleira de Educación de Ribeira, Juana Ermitas Crugeiras, saíu ó paso das acusacións do socialista lembrando que nin o concello nin a comunidade educativa se opuxeron xamáis ó centro integrado. A súa reivindicación era que se habilitaran dependecias para acoller os ciclos formativos, que poderían implantarse no antigo edificio da UAD, e non se eliminara a Ensinanza Secundaria do Coroso posto que suporía o traspaso dos rapaces e a masificación das aulas nos outros institutos do termo municipal.

    Juana Ermitas explicou ademais que a Conselleira de Educación comprometérase nunha xuntanza co alcalde ribeirés a buscar solucións conxuntas pero, polo momento, aínda non se puxo en contacto coa administración local para comunicarlle o inicio das xestións. A comunidade educativa ten previsto solictar información á Xunta sobre o estado en que se atopa a conversión do Coroso en centro integrado e as posibilidades de mante-la oferta educativa íntegra no centro.

    Redacción Barbanza