RIBEIRA > A Asociación de Veciños Cruceiro de Bandourrío vén de denunciar a existencia de certos locais que están a ser utilizados para o consumo de drogas. O colectivo veciñal faise eco así da preocupación existente entre os veciños da rúa Cristóbal Colón a causa dos perigos que pode supoñer a actividade levada a cabo polos individuos que frecuentan estes recintos así como a consecuente acumulación de lixo
O acceso ó baixo do número 14 B da Rúa Cristóbal Colón atópase cuberto unicamente por unha prancha de madeira facilmente franqueable. Deste xeito non se pon limitación algunha á entrada dun grupo de persoas que frecuentemente se reúnen neste local para o consumo de drogas e alcol. Este non é o único caso posto que tan só uns metros máis abaixo, nos soportais da praza da igrexa atópase outro baixo con tres fiestras rotas polas que se pode acceder libremente ó interior para practicar este tipo de actividades.
A Asociación Cruceiro de Bandourrío considera que esta actividade ilegal pode derivar diversos perigos como por exemplo a propagación de incendios por mor da utilización de acendedores para queima-la droga. Outra das negativas consecuencias é a acumulación de lixo no interior destes locais que, en ocasións, convérteos en verdadeiros focos de infección.
O colectivo veciñal solicita ó concello que tome as medidas oportunas para impedir o acceso a estes baixos dotándoos de un peche axeitado que impida o acceso ó seu interior. Sen embargo, o presidente da asociación, Antonio Ángel González, non confía na actuación da administración local posto que, ate o de agora, e a pesar de ter recibido numerosas recomendacións do valedor do pobo, o concello non atendeu ningunha das súas demandas.
Redacción Barbanza