O concello recuperará a Praza dos Muíños como espazo de ocio

    torrescolomerirmandios_100_020307.jpgRIBEIRA > O executivo ribeirés vai destinar uns 192 mil euros á reforma da Praza dos Muíños para a creación dun novo espazo público de lecer.

    O alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, foi o encargado de presentar este novo proxecto, co que se pretende recuperar un novo espazo público para uso e desfrute de tódolos veciños da localidade.

    A zona, cunha superficie de 1.740 metros cadrados aproximadamente, aséntase sobre un aparcadoiro soterrado, entre as rúas Marcial de Adalid e Irmandiños, e linda con varias edificacións destinadas a vivendas e patios exteriores.

    Esta área estaba contemplada nun proxecto privado de construción dunha praza de uso público e aproveitamento para garaxe, pero por distintas razóns a empresa non puido chegar a desenvolve-las obras previstas nun principio.

    Mellora dos accesos

    prazairmandios_100_020307.jpgO espazo é de forma irregular e ten dous niveis, comunicados entre sí a través dunha rampla cunha lixeira pendente. O proxecto prevé unha mellora dos accesos exteriores á praza, adaptándoos ás necesidades actuais de accesibilidade e de eliminación de barreiras arquitectónicas.

    A praza contará cunha zona de ocio con xogos para os nenos, novo mobiliario urbano e unha zona de paseo, que estará presidida por unha pérgola curvada en forma de onda mariña. Segundo o alcalde ribeirés esta nova praza virá a mellora-la oferta de zonas de ocio en pleno casco urbano da cidade.

    Segundo o rexedor local a finais deste mes de marzo as obras poderían estar xa adxudicadas, coa intención de que estean rematadas nun prazo aproximado de tres meses.

    Redacción Barbanza