RIBEIRA > As deficiencias que presenta a Casa do Mar de Palmeira abriron novamente o debate sobre a necesidade do traspaso destas instalacións …
… dende a administración autonómica á local. O alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, considera que a xestión sería moito máis operativa a cargo do concello polo que xa ten solicitado en varias ocasións a transferencia das competencias.
Na actualidade, estas instalacións están xestionadas directamente pola Xunta de Galicia ou foron trasferidas ó SERGAS para acoller os centro de saúde ou están a cargo do ISM. Segundo explicou o alcalde ribeirés, Xosé Luís Torres Colomer, para facer uso destas instalacións é preciso solicitar un permiso o que dificulta a realización de calquera intervención. Por este motivo, o rexedor ribeirés considera que sería moito máis axeitado exerce-la súa xestión dende os concellos, posto que ó ser a administración máis próxima ós cidadáns poderían solucionarse as deficiencias dun xeito máis rápido e eficaz.
Mantemento deficiente
Na actualidade, a Casa do Mar de Palmeira, presenta importantes problemas como son a falla de calefacción, as filtracións de humidade na cuberta e o mal estado en que se atopan varios elementos estruturais e do mobiliario. Dende o concello, reclámase á Vicepresidencia da Xunta que se acometa unha mellora urxente canto antes.
Pola súa banda, o grupo municipal do BNG arremeteu contra o equipo de goberno lembrando que, en todos estes anos á fronte da alcaldía nin sequera se tiñan denunciado estas deficiencias.
Os nacionalistas non rexeitan a posibilidade de que as Casas do Mar sexan municipais aínda que dubidan da boa xestión que poida exercer o actual goberno do PP. A este respecto, poñen unha serie de exemplos de instalacións municipais como o matadoiro, o mercado ou a lonxa, entre outras, que consideran que ‘máis que dar servizos provocan problemas’.
Os nacionalistas ribeireses consideran que dende o BNG asumiu o control da Vicepresidencia xa se iniciou un proceso de melloras na casa do Mar de Palmeira, na que xa se procedeu á reparación do tellado e os canalóns para eliminar as goteiras. Ata o momento investíronse 20 mil euros no centro e prevese unha contía similar para 2007.
Redacción Barbanza