O Boiro afástase dos postos de privilexio

BOIRO> Os boirenses caían en Barraña ante o líder da categoría, o Compostela por un gol a tres.

O Boiro recibía en Barraña a un dos históricos galegos. Un Compostela que camiña en solitario na cabeza da clasificación da Terceira e que, coa súa vitoria de onte, afianza máis o seu liderado. O primeiro tanto visitante chegaba moi cedo. No minuto catro de partido. Un erro na zaga local, deixaba a Primo só diante do porteiro, que despois de recortar ó gardameta enviaba o balón ó fondo da portería. A partir de aí dominio case aplastante dos de Yago Iglesias que mesmo dispuxeron de varias ocasións para aumentar a renda. Aínda así o marcador non se movería nesta primeira metade. Á volta dos vestiarios, novo xarro de auga fría. O Compos facía o cero a dous cando apenas ían transcorridos dous minutos de xogo. Mazazo para os de Falagán, que a partir de aí, comezaron a mellorar o seu xogo e a ter ocasións de perigo. Cando mellor estaba xogando o cadro local, chegou a xogada polémica que condicionou posteriormente o partido. A expulsión de Remeseiro. O colexiado interpretou que o dianteiro boirense se deixou caer dentro da área e intentou enganalo. Era o segundo cartón amarelo. E con el o camiño dos vestiarios. O Boiro debía xogar a partir de entón en inferioridade numérica. Á expulsión sumouse pouco tempo despois un novo tanto visitante, de novo por mediación de Primo. O tanto da honra local chegaba xa na recta final do partido. Foi de penalti, por mans da zaga compostelanista.  Cano foi o encargado de materializalo. A derrota deixa ó Boiro máis afastado dos postos de privilexio. Actualmente é noveno con 36 puntos, a nove de diferenza co cuarto clasificado, o Racing Vilalvés, que é o que ocupa a última das prazas que dá acceso a poder xogar a promoción de ascenso a 2ªB. o próximo partido do Boiro será co Cultural Areas.