A Xunta adxudica as obras de humanización da travesía de Palmeira

RIBEIRA> A Xunta, a través da consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, informou hoxe da adxudicación das obras de humanización da travesía de Palmeira por un importe de 2’5 millóns de euros.

A actuación, que se levará a cabo nun treito urbano da AC-305 de algo máis de un quilómetro,  forma parte dunha proposta presentada á Axencia Galega de Infraestruturas pola fundación RIA, que dirixe o prestixioso arquitecto británico David Chipperfield.

Segundo informaron fontes do propio Executivo Autonómico está previsto que o contrato sexa asinado en breve, coa finalidade de poder iniciar as obras ó longo do vindeiro mes de febreiro.

A actuación buscará adaptar o espazo público desta estrada autonómica, creando unha zona máis harmonizada que priorizará a mobilidade peonil, con zonas verdes e sombra natural.

As obras prevén a construción de novas beirarrúas, unha nova parada de autobús e dotarase tamén de nova iluminación.

Ademais procederase tamén a redución da velocidade máxima permitida na vía a 30 km/h, para o que se colocarán sinais de límite de velocidade e reducirase o ancho do carril.