BARBANZA> O avogado da familia Quer solicita para José Enrique Abuín, ‘o Chicle’, prisión permanente revisable. Algo que o propio pai de Diana, Juan Carlos Quer manifestou en máis dunha ocasión, pero que agora xa foi confirmado, unha vez presentado o escrito de calificación ante o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Ribeira. Esa será pois a pena que a familia da moza madrileña solicitará para o principal acusado, ó entender que, ademais de secuestrala e asasinala, tamén a violou.
O letrado Ricardo Pérez Lama tamén reclama indemnizacións para a familia da vítima por valor duns trescentos mil euros e ordes de afastamento e de comunicación por un período de dez anos superior ó da pena imposta. Este trámite realizado no Xulgado é o paso previo á apertura de xuízo oral. Un proceso que vén de confirmarse se celebrará na sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago.