O PSOE considera que a aprobación do PXOM exclúe as ‘cacicadas’ do goberno

    psoepobra_100_060307.jpgPOBRA > O PSOE pobrés explicou as deficiencias observadas por Política Territorial que quedan fóra da aprobación definitiva parcial do PXOM.

    Os socialistas pobreses amosaron a súa satisfacción ante a aprobación parcial do planeamento urbanístico aínda que insisitiron nas correccións que aínda se deben introducir para obte-la aprobación definitiva. Neste sentido, a secretaria de organización, Teresa García Guillén, non se explica a ‘euforia con que os populares recibiron esta nova’ dado que o documento aprobado ‘deixa fóra as decisións que o alcalde pretendía tomar á marxe dos cidadáns’.

    Entre elas, referiuse á ampliación do polígono industrial da Tomada ou a intención de declarar urbanizable o entorno das Xunqueiras onde se atopa un río que a comunidade de regantes ten perfectamente legalizado. O documento limita tamén as pretensións de habilitar máis solo urbano residencial que finalmente deberá considerarse solo rústico de protección agropecuaria.

    Os socialistas insisten en que o plan urbanístico está mal elaborado, posto que se rexe por ‘intereses especulativos’ e consideran que a corrección das deficiencias levará tempo e poderá afectar a moitos veciños.

    Segundo a membro da executiva nacional, Alicia Lago, a aprobación do plan presentado polo PP pobrés depende da corrección de todas estas propostas que incumpren a lei do Solo posto que o goberno da Xunta non permitirá en ningún caso a transgresión da normativa vixente.

    Redacción Barbanza