O paseo marítimo de Palmeira levará o nome de Plácido Betanzos

RIBEIRA> O paseo marítimo de Palmeira levará o nome de Plácido Betanzos. Así o acordou a corporación ribeirense no pleno deste luns no que tamén se aprobou designar a nova sede de Protección Civil co nome de Manuel Dieste.

O salón de plenos da casa consistorial ribeirense quedou pequeno para acoller a sesión da pasada tarde. Tratábase dun pleno ordinario pero a orde do día incluía a homenaxe a Plácido Betanzos. O mestre e ex edil nacionalista dará nome ó paseo marítimo de Palmeira tras saír adiante a iniciativa popular apoiada por medio cento de asociacións que queren así manter viva a memoria e os valores deste ilustre ribeirense.

A proposta saíu adiante cos votos a favor de tódolos grupos e a abstención de IPdeR. A súa voceira explicou que, se ben Plácido Betanzos é merecedor desta homenaxe, hai outros moitos ribeirenses que tamén deberían optar a este recoñecemento.

Durante a sesión plenaria aprobouse tamén que a nova sede de Protección Civil leve o nome de Manuel Dieste, ex xefe da agrupación, falecido recentemente. Neste caso, á abstención de IPdeR sumáronse tamén os nacionalistas.

No pleno da pasada tarde tomou tamén posesión da acta como concelleiro, David Fernández, que substitúe a Herminia Pouso trala súa renuncia.