A movida boiresa xera temor entre os veciños do Camiño Real

    dique_100_070307.jpgBOIRO > A movida nocturna segue a ocasionar problemas. Esta vez son os veciños da asociación ‘Camiño Real’ os que se están a ver prexudicados …

    … pola actividade dun local ubicado na rúa Bao. Os afectados xa remitiron numerosos escritos ó concello solicitando medidas urxentes para poñer fin a esta situación que está a influir negativamente na súa calidade de vida.

    Ademais do ruído derivado da actividade do local, que permanece aberto dende as seis da madrugada ata preto das once da mañá, os veciños denuncian a frecuente comisión de actos vandálicos contra o mobiliario urbano ou mesmo nos portais das vivendas e escaparates de comercios alí situados.

    O problema non remata aí posto que moitos dos clientes deste establecemento se reúnen fóra do local ocasionando disturbios. Esta situación vense repetindo de forma continuada tódalas fins de semana; tanto que moitos veciños evitan transitar a primeiras horas da mañá pola rúa Bao para evitar problemas.

    Agresións

    A pasada semana, un veciño foi increpado e agredido fisicamente por un grupo de mozos que se concentraban na porta do local. Esta non é a primeira vez que ocorre un feito semellante posto que xa se teñen rexistrado roubos e agresións verbais en outras moitas ocasións.

    Dende a Asociación de Veciños Camiño Real solicitan ó concello que se estude a legalidade da licenza deste establecemento e que se inicien os trámites, no caso de ser necesario, para sancionar ó seu propietario polo incumprimento dos horarios de peche.

    Non obstante, son conscientes da necesidade dos hostaleiros de desenvolver a súa actividade pero esixen que se busquen alternativas para compaxina-la movida nocturna co benestar dos veciños. No caso contrario, o colectivo non descarta adoptar medidas de presión para que as súas reivindicacións sexan atendidas, dunha vez por todas.

    Redacción Barbanza