Escolares de toda Galicia contribúen á recuperación do monte no Barbanza

    repoboacionforestal_100_070307.jpgBARBANZA > Uns 85 escolares chegados de diversos colexios de Galicia, coordinados por monitores do programa ‘Vive en Defensa do Monte Galego’

    … da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, desenvolveron unha prantación de árbores e arbustos nos terreos do monte da Curota que resultaron queimados este pasado verán. A experiencia para os cativos resultou do máis positiva.

    A imaxe que presenta actualmente o monte da Curota é totalmente desoladora. Lonxe están aquelas estampas de paisaxes verdes e montes totalmente poboados que facían deste enclave un lugar singular para o visitante. Hoxe é todo prácticamente morte.

    Co fin de mellorar esta situación e devolverlle a vida que non hai moito tempo tiña este espazo, un grupo de escolares chegados de colexios de Vigo, As Pontes e outras cidades de Galicia, desenvolveron estes días unha prantación de árbores e arbustos nos terreos queimados, en labores de loita contra a erosión.

    A actividade forma parte dun proxecto financiado pola empresa IMC Cosmetics-Fixonia, no marco da campaña conxunta coa Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, ADEGA.

    repoboacionforestal_200_070307.jpgAs arbores coas que están a ser repoboados os montes da Curota son entre outros castiñeiros, cerdeiras, bidueiros, carballos ou freixos. O obxectivo é ofrecer alternativas ó actual modelo de explotación do monte baseado case exclusivamente no monocultivo de eucalito e piñeiro, un dos factores desencadenantes, segundo os expertos, do problema dos lumes en Galicia.

    A experiencia resultou do máis positiva para os escolares, moitos dos cales era a primeira vez que realizaban a prantación dunha árbore.

    O vindeiro sábado día 10, tocaralle o turno ós adultos do programa “Vive en Defensa do Monte Galego” , que realizarán tamén labores de repoboación e loita contra a erosión nos montes da Comunidade de Montes en Man Común de Santa Cruz de Lesón. A actividade estará aberta a tódalas persoas que o desexen.

    Redacción Barbanza