Caixanova ofrecerá condicións preferentes ós socios da ABE

    convenioabecaixanova_100_070307.jpgBOIRO > A ABE asinou un convenio con Caixanova polo cal os socios da patronal gozarán de condicións preferentes nos servizos da entidade financieira.

    A sinatura deste acordo supón a renovación e a actualización das condicións dun convenio suscrito anteriormente entre a patronal boiresa e Caixanova, co obxectivo de introducir unha serie de vantaxes para os seus asociados.

    Segundo o director comarcal de Caixanova, Octavio Fernández, o obxectivo é poñer a disposición da ABE unha serie de produtos e servizos que dean cobertura ás necesidades que poidan xurdir no día a día das empresas.

    No novo documento incluense distintos instrumentos de crédito como poden ser as pólizas, axudas para o aluguer ou a compra de locais e a adquisición de novas TPV adaptadas. Tamén se contempla un amplo abano de préstamos subvencionados mediante fondos ICO que suporán uns tipos de interese e unhas comisións moi por debaixo das que actualmente rexen o mercado financieiro.

    O presidente da ABE, Luís Ángel González, aproveitou o acto de sinatura deste convenio para solicitar o apoio de Caixanova nun novo proxecto emprendido pola patronal consistente na creación dunha tarxeta global para os comercios da localidade que introduza vantaxes para os seus clientes.

    O responsable comarcal de Caixanova comprometeuse a estudar esta proposta aínda que lembrou que a entidade financieira xa dispón da tarxeta comercio que permite o pago aprazado ata en doce meses sen ningún custo para o cliente. Para dar a coñecer esta iniciativa e informar sobre outras novidades do sector, os representantes de Caixanova acordaron coa directiva da ABE a próxima celebración dunha charla informativa.

    Redacción Barbanza