Vilagarcía reúne á elite galega na súa festa local do deporte

charladeportevilagarcia100_070307.jpgVILAGARCÍA > O Concello celebra esta semana a súa décimo oitava edición da Festa Local do Deporte

… O arranque púxoo onte unha mesa redonda sobre o deporte galego de alto nivel coas intervencións de Chus Lago, Óscar Pereiro, Fredi Bea, e os deportistas locais Raúl Bouzas, Mirian Domínguez e Sara Gómez.

O deporte galego de alto nivel amosou onte algunhas das súas caras máis emblemáticas no auditorio municipal de Vilagarcía. Baixo a batuta do xornalista Terio Carrera desenvolveuse unha mesa redonda na que participaron a alpinista Chus Lago, o ciclista Óscar Pereiro, a baloncestista Sara Gómez, a futbolista Miriam Domínguez, o piragüista Fredi Bea e o taekwondista Raúl Bouzas.

charladeportevilagarcia200_070307.jpgCoas súas experiencias puxeron en evidencia a cara e a cruz da elite nas súas modalidades deportivas. Dos sen sabores do éxito falou Pereiro, atarefado pola fama e pola presión mediática á que foi sometido tralo Tour de Francia: ‘En xaneiro o pasei mal, sentinme acurralado polas ofertas e compromisos sociais e tiven que cortar polo san, e agora estou adestrando’.

Momento amargo, o que vive o arousán Raúl Bouzas, que ve como se escapa a olimpíada de Pekín por mor dunha lesión no xeonllo: ‘o venres opéranme e teño seis meses de recuperación’. Momento doce o das tamén arousás Miriam Domínguez e Sara Gómez. A primeira co Extrugasa Atlético Arousana, cuarto de momento en primeira nacional da Liga Feminina de Fútbol; e a segunda co Extrugasa Cortegada, a piques de conseguir por primeira vez na súa historia un pase para ós play off en Liga Feminina de Baloncesto.

Os máis veteranos, por experiencia, da mesa foron a viguesa Chus Lago e o grovense Fredi Bea, que destacaron o traballo que lles supuxo estar arriba en modalidades como o alpinismo e o piragüismo. Bea sinalou que para un piragüista ‘ir a unha olimpíada xa é un logro porque tes que quedar entre os seis mellores do mundo’. Fazaña que tentará o grovense no Mundial de Alemaña. Sobre o alpinismo Lago indicou que ‘é un deporte máis romántico’ pero sometido a normas tácitas e con competicións sumerxidas.

Con esta mesa arranca a décimo oitava festa local do deporte de Vilagarcía, que hoxe continúa con unha conferencia sobre Saúde e Deporte. O xoves a actividade trasládase a Fexdega onde se desenvolverá o programa Deporte para todos, a partir das sete e media da tarde.

Redacción Salnés