Pedro Romero fai un alto en Pontevedra na súa Volta a España en patíns

patinador100_040907.jpgPONTEVEDRA > Ata Pontevedra chegou hoxe a Volta a España, pero en patíns. Pedro Romero é o protagonista desta aventura…

… que se iniciou o pasado 5 de maio en Málaga.

Pontevedra vía pasar o sábado polas súas rúas a Volta Ciclista a España e hoxe achegábase a este concello a Volta a España sobre patíns. Unha aventura protagonizada polo malagueño Pedro Romero. O patinador foi recibido esta mañá pola concelleira de Deportes Anxos Riveiro e non se apeou dos patíns nin para subir as escaleiras do Concello. Alí explicou que esta experiencia ‘é unha reivindicación do deporte gratuíto e para pedir zonas habilitadas para patinar’.

patinador200_040907.jpgRomero partiu da localidade malagueña de Vélez, onde vive, o pasado 5 de maio co ánimo de percorrer uns 4.570 quilómetros facendo a volta a España. Unha volta sobre patíns que dividiu en 89 etapas e 14 días de descanso, e cun presuposto máis ben escaso, ‘con 150 euros’ dicía Romero entre risas. O patinador malagueño recoñece que esta aventura estalle a custar máis do que pensaba pero detrás está a ter bastantes apoios da xente que se está a atopar polo camiño. Estes días avarióuselle a caravana de apoio e un taller de Bueu estalla a reparar de balde, ademais a Federación de Deportes de Inercia patrocina a cobertura do seu seguro.

Cos seus patíns xa foi bordeando a costa mediterránea, atravesou os Pirineos, e rodou pola costa cantábrica ata chegar a Galicia. Agora só lle queda coller novos folgos e enfiar cara o sur, bordeando Portugal. O final da volta será a súa casa, en Málaga.

Redacción Salnés