A constitución das novas corporacións en Barbanza, Muros e Noia aprázase ao 7 de xullo

BARBANZA/MUROS/NOIA> Un total de oito concellos da zona, pertencentes ás comarcas do Barbanza, Muros e Noia, veranse afectados por esta decisión da Xunta Electoral de Noia, que decidiu aprazar ata o próximo 7 de xullo a constitución das novas corporacións saíntes das eleccións municipais celebradas o pasado 28 de maio.

Os municipios afectados por esta decisión son Muros, Outes, Noia, Lousame, Porto do Son, Ribeira, a Pobra do Caramiñal e Boiro.

A excepción será Rianxo que pertence ó Partido Xudicial de Santiago.

A resolución da Xunta Electoral de Noia veu a raíz da denuncia presentada polo Partido Socialista, cuxo representante de zona reclamou que á súa formación lle impediran comprobar os 900 votos nulos rexistrados.

Cabe lembrar que os socialistas quedaron a tan só 10 votos de obter un deputado provincial por este partido xudicial que foi para o BNG.

A pesar de que a xunta electoral desestimou a denuncia presentada polos socialistas, deberá realizarse a proclamación dos concelleiros electos nos municipios da zona conforme ó resultado do escrutinio xeral realizado.

Unha proclamación que se fixo efectiva este mesmo mediodía, polo que deberán transcorrer tres días para que o PSOE poida presentar un recurso contencioso-administrativo.

Aínda que xa anunciaron que non o farán, debe respectarse a legalidade.

A decisión tamén afectará á constitución da Deputación da Coruña que deberá atrasar o pleno de investidura que terá lugar entre o 13 e o 18 de xullo.