Rouban material informático nunha tenda da Pobra valorado en 15.000 euros

    POBRA > Durante as últimas semanas, os establecementos da comarca do Barbanza están a ser vítimas dunha vaga de roubos.

    A madrugada do pasado luns tocoulle o turno a unha tenda de informática ubicada na Pobra do Caramiñal. Ademais de sustraer valiosas pezas de material informático, os delincuentes causaron importantes destrozos no local.

    Os indicios recollidos nas investigacións iniciais apuntan a que o roubo foi obra de profesionais. Para acceder ó local, serraron un barrote cun corte limpo para o que utilizaron unha ferramenta especializada. Unha vez dentro, desconectaron a alarma e viraron as cámaras de seguridade cara o teito para impedi-la gravación dos feitos. E a pesar de que desbarataron todo o material que se atopaba no almacén, non deixaron nin unha soa pegada.

    tendainformaticapobra_200_080307.jpgPresumiblemente os ladróns entendían de informática posto que foron directamente ó material máis valioso, sustraendo pezas por un valor aproximado de 15 mil euros, que ademais teñen fácil saída no comercio electrónico. A esta contía hai que engadir os danos causados no local posto que romperon unha vitrina e destrozaron diverso material que se atopaba no almacén.

    Á espera de que conclúan as investigacións, a Garda Civil xa traballa na identificación dun posible sospeitoso grazas á descrición dun dos propietarios do local que, na tarde do luns, observou a dous mozos que miraban con insistencia o escaparate da tenda. Os axentes pensan que podería tratarse dunha persoa que están buscando pola súa relación con outros roubos cometidos na comarca.

    Redacción Barbanza