Novo enfrontamento entre os bombeiros e Protección Civil de Vilagarcía

    davidpadin_100_080307.jpgVILAGARCÍA > Un escape de gas en Vilagarcía provoca unha nova disputa entre os bombeiros do Salnés e a agrupación local de Protección Civil.

    Os desencontros entre os dous corpos veñen de atrás e fixéronse máis que evidentes tralas inundacións de novembro. Ambas agrupacións consideran que teñen prioridade á hora de actuar nun caso e non aceptan ordes dos outros.

    santiagotirado_200_080307.jpgSegundo a versión dos bombeiros, eles son o corpo profesional e, por tanto, os que deben dirixi-las actuacións. Así o aseguraron hoxe tanto Santiago Tirado, xerente do Consorcio contra Incendios do Salnés como David Padín, xefe do parque comarcal de Bombeiros. Ambos aseguran que as competencias están claras e que, en calquera caso,  debe ter prioridade un corpo profesional sobre un de voluntarios como sería a agrupación vilagarciana coa que discrepan.

    Sen embargo Protección Civil de Vilagarcía corrixe esta apreciación. O seu responsable, Francisco Javier Guillán Busto explica que os bombeiros falan sempre do corpo de voluntarios, que tamén existe, pero que non é o que actúa nestes casos. Busto aclara que Vilagarcía ten, ademais dos voluntarios, un servizo municipal de Protección Civil con xente preparada para a función que desenvolve e pola que cobra dos impostos municipais. Son, por tanto, tan profesionais como calquera bombeiro.

    Pero Busto vai máis alá, e recorda que o artigo 5 dos estatutos de creación do Consorcio Contra Incendios do Salnés indica que este servizo nace co obxectivo de colaborar cos servizos municipais de Protección Civil. Deixa claro por tanto, que son os bombeiros quen deben supeditarse ás ordes de Protección Civil.

    O caso é que ningunha das agrupacións cede e que as discrepancias políticas entre o goberno local de Vilagarcía e os responsables políticos do Consorcio de Bombeiros complican máis un entendemento que está a complicar o traballo diario destes profesionais.

    Día do patrón

    O certo é que hoxe os bombeiros celebraron o día do seu patrón, San Juan de Dios. Este santo foi elexido como o seu protector a mediados do século pasado por un episodio heroico e milagreiro. Ocorreu a mediados do século XVI, cando se orixinou un incendio nun hospital de Granada imposible de apagar. Foi entón cando San Juan de Dios se lanzou a través das lapas e comezou a salvar ós enfermos, que berraban implorando socorro; logo salvou do lume camas, sábanas e demais mobiliario e, collendo unha machada, subiu ó tellado e cortou vigas para evita-la propagación do lume. Milagrosamente saiu case indemne, tan só coas cellas queimadas.

    alcaldesmeisribadumiacambados_200_080307.jpgPor iso foi elexido para protexer ós bombeiros, que hoxe lle renderon homenaxe no Salnés cunha misa e un viño de confraternidade. A cerimonia estivo encabezada por diversas autoridades municipais, como os alcaldes de Ribadumia, Cambados e Meis pero tamén con representantes das Forzas de Seguridade. Responsables das Policías Locales de Cambados e Vilanova, así como da Garda Civil se desprazaron este mediodía ata o polígono do Salnés, onde se atopa o parque de bombeiros comarcal, para acompañar ós traballadores no seu día grande.

    Redacción Salnés