O executivo noiés adxudica as obras das novas instalacións do Museo do Mar

NOIA> O orzamento da actuación ascende a uns 564 mil euros e dende o Concello confían en que poida estar xa operativo no próximo verán.

O alcalde, Santiago Freire, anunciou a adxudicación das obras de construción do novo inmoble para o Museo do Mar. Cun orzamento 564 mil euros, a actuación, que será realizada pola empresa Construcciones Iglesias, virá a dar resposta a unha vella demanda da veciñanza. O proxecto acumulaba unha demora importante debido ás actuacións de protección necesarias ante o descubrimento dos restos da antiga muralla, que fixo que houbera que sometelo a consideración de Patrimonio en varias ocasións.

O novo inmoble suporá tamén unha importante mellora no aspecto da fachada marítima da vila. Contará cunha superficie total construída de preto de mil douscentos metros cadrados, con planta baixa, dúas plantas altas e unha baixocuberta. A planta baixa estará destinada a poñer en valor os restos da muralla medieval, mentres que as plantas primeira, segunda e sobrecuberta acollerán as salas de exposicións.

Dende o Concello apuntan a que de cumprirse os prazos establecidos, o edificio podería estar xa operativo no próximo verán. As obras de remodelación e ampliación do Museo do Mar serán financiadas grazas a un acordo entre tres administracións diferentes: Concello, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, a través do GALP Costa Sostible.