Tres novos proxectos para a recuperación ambiental do litoral pobrés

    rexeneracionambientalpobra_100_130307.jpgPOBRA > No seu empeño de conseguir unir a través de paseos marítimos e sendas peonís todo o bordo litoral do concello, o executivo pobrés …

    … presentou tres novos proxectos que pretende levar a cabo de cara a vindeira lexislatura: a senda peonil entre Pedra da Moura e o Xobre, a segunda fase do paseo marítimo da Ribeiriña ó Conchido e a recuperación medioambietal da praia da Corna.

    O alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, e o edil de Medio Ambiente, Xosé Manuel Castro, informaron das carácterísticas destas tres actuacións de marcado carácter medioambiental.

    En primeiro lugar figura a senda peonil de case un quilómetro e medio de longo que unirá os paseos do Xobre e Pedra da Moura. O anteproxecto, que xa está a disposición da Demarcación de Costas en Galicia, conta cun orzamento de máis dun millón de euros e con el conseguirase a recuperación da servidume de tránsito e de acceso ó mar, permitindo o uso e disfrute para veciños e visitantes, da franxa litoral.

    Continuación do paseo do Conchido

    O actual executivo pobrés de cara a vindeira lexislatura pretende tamén darlle continuidade a un proxecto iniciado hai varios anos como foi a construción do paseo marítimo do Conchido. Así a intención do goberno local é levar a cabo a recuperación e mellora do bordo litoral dende a Ribeiriña ó Conchido. O proxecto ten previsto a creación dun paseo por toda a zona costeira, con espazos de lecer, un parque infantil e unha gran área de ocio na explanada da antiga fábrica da Onza de Oro.

    Tanto o alcalde como edil de Medio Ambiente tamén se referiron ó proxecto de mellora presentado polos membros do PSOE para a Corna. Ós membros do executivo pobrés parécelle boa a súa proposta de actuación nesta praia, o que non lles parece tan ben é que queiran capitanear un proxecto que xa estaba contemplado polo actual goberno dende hai tempo, existindo mesmo un anteproxecto de xaneiro de 2007, que consta xa en poder da Demarcación de Costas.

    Redacción Barbanza