As embarazadas do Barbanza poderán acceder á analxesia epidural

    hospitalbarbanza_100_080307.jpgBARBANZA > A Consellería de Sanidade vén de informar que o Hospital do Barbanza aplicará a analxesia epidural a partir da vindeira semana.

    Para poder ofertar esta nova prestación, e respondendo ás demandas das mulleres desta área, incrementouse o persoal cun anestesista máis e dúas auxiliares de Enfermaría. Xunto con isto, adquiriuse todo o material necesario e específico para aplicación da técnica, como catéteres específicos ou un novo monitor e habilitouse unha sala axeitada para a analxesia epidural.

    Os anestesistas, xinecólogos, matronas, supervisores de quirófano e de hospitalización, xunto co persoal directa ou indirectamente implicado no proceso de atención, así como a propia dirección do centro hospitalario da Barbanza elaboraron un protocolo de consenso. Neste mesmo reflíctense tódalas pautas e criterios a seguir por todolos profesionais que interveñen no proceso para poder ofrecer a mellor calidade na asistencia á muller que ingresa no hospital.

    Así, queda recollido que a muller na semana 34 do embarazo será valorada na consulta polo anestesista, onde recibirá toda a información sobre analxesia epidural, e onde poderá manifestar todalas súas dúbidas. Neste intre entregaráselle ademais un trítico explicativo sobre a técnica, onde se especifican ás síntomas que a muller sentirá no momento do parto; como prepararse para o mesmo, aconsellando paralelamente a asistencia a clases prenatais; as fórmulas de alivio da dor no momento do parto e o perfil da beneficiaria da anaxesia epidural.

    Segundo os datos da propia Consellería de Sanidade o número de partos que se produciu na comarca do Barbanza durante o pasado ano 2006 situouse nos 398.

    Redacción Barbanza