Veciños de Dodro denuncian os malos cheiros procedentes da depuradora

    queixasdepuradoradodro_100_080307.jpgDODRO > Un grupo de veciños das aldeas de Imo e Bexo veñen de amosa-lo seu malestar pola situación de cheiros e malos olores

    … que deben padecer a consecuencia da construción da estación depuradora municipal nas proximidades das súas vivendas. A pesar de ter denunciado o problema en máis dunha ocasión no concello, as obras seguiron para diante, sen facerlles caso ás súas queixas. Hoxe a estación de augas residuais xa está construída e o problema non parece ter xa unha fácil solución.

    Vai alá máis de medio ano dende que a depuradora municipal de Dodro, construída no lugar de Riasós, en Imo, comezara a funcionar. Nun primeiro momento numerosos veciños desta aldea, así como tamén de Bexo, denunciaran a súa ubicación, ó considerar que se atopaba moi preto das vivendas. A pesar de ter presentado varios escritos no concello denunciando a situación, a obra seguiu adiante. Pasados varios meses dende aquela, o tempo dalles agora a razón, xa que a cotío deben padecer os cheiros e os malos olores procedentes desta instalación.

    Control de vertidos

    Os veciños culpan desta situación ós vertidos de carácter industrial que se están derivando á estación depuradora e que segundo eles está a se-la causa do problema. Consideran que a Edar xa non ten volta atrás, polo que lle solicitan ó organismo competente, tanto concello como Xunta de Galicia, que lle busquen unha solución ó problema, realizando controis máis exhaustivos dos vertidos, xa que a situación no verán pode ser máis preocupante.

    queixasdepuradoradodro_200_080307.jpgOs veciños afectados por esta situación enviáronlle varios escritos ó Valedor do Pobo, que mesmo se interesou polo estado actual da depuradora de Imo, recabando información no propio concello e na Consellería de Medio Ambiente. Do informe emitido por esta institución dedúcese que a obra aínda non foi recepcionada polo concello de Dodro, e que ó parecer os problemas dos cheiros viñan provocados por vertidos industriais non autorizados.

    Na contestación do Valedor do Pobo tamén se sinala que non se aclaran outras circunstancias relativas á depuradora como son os trámites ambientais que se deron para a súa execución ou mesmo as razóns da elección do lugar de ubicación, moi preto das vivendas, incumprindo así o requisito da distancia mínima de dous mil metros que sinala a lexislación actual sobre estas instalacións.

    Redacción Barbanza