RIBEIRA> A situación de especial vixilancia levou a algúns concellos da comarca a tomar medidas para conter os contaxios. É o caso de Ribeira, que tras detectar un leve repunte dos casos, decidiu reforzar os controis e pechar instalacións públicas.
O incremento dos casos activos en Ribeira, ata os 66, levou ó concello a adoptar novamente drásticas medidas para evitar unha nova escalada da pandemia. A Comisión de Seguimento do COVID-19 reuniuse esta mañá para acordar as novas restricións, moi similares ás adoptadas polo concello hai unhas semanas cando o número de contaxios puxo ó municipio ó borde do peche perimetral. Aínda que desta volta os datos non son alarmantes, o concello acordou pechar parques infantís e pistas deportivas e reforzar os controis para o cumprimento das medidas de protección.
Aínda que non decretou a suspensión das actividades municipais, o concello decidiu reducir o aforo ou a frecuencia en actividades deportivas. Limítanse tamén os obradoiros programados por Servizos Sociais a unha única sesión semanal e aprázanse ata xaneiro os cursos de cociña previstos para o sector hostaleiro.
No que respecta ás actividades de Nadal quedan suspendidas, alomenos unha semana, aquelas que impliquen concentracións en espazos interiores.
Pola súa banda, dende o concello de Boiro seguen a intensificar a vixilancia para o cumprimento das medidas anti-covid co obxectivo de reverter a preocupante evolución dos contaxios. Durante a fin de semana, once persoas foron denunciadas por incumpirr as restricións: cinco delas por saltarse o peche perimetral, unha polo incumprimento do toque de queda e outras cinco polo uso indebido da máscara.