A Xunta abre o tramo Ribadumia – Sanxenxo na vía do Salnés

    viasalnescontrafico_100_120307.jpgSALNÉS > A Xunta abriu esta madrugada ó tráfico o treito Ribadumia – Sanxenxo da vía do Salnés. Estes dez quilómetros …

    … estiveron cortados desde o pasado 5 decembro, polo que as obras duraron pouco máis de tres meses. A conselleira de Política Territorial anunciou que no tramo Curro – Ribadumia, só quedan por substituír dous tubos e que estaría aberto antes de que remate este mes.

    viasalnescontrafico_300_120307.jpgDesde esta madrugada xa está aberto de novo ó tráfico o tramo Ribadumia – Sanxenxo na vía do Salnés. Pero esta reapertura non estivo exenta de polémica. O anunciou fíxoo esta fin de semana a conselleira de Política Territorial, María José Caride, durante a súa visita ó Salnés, primeiro na propia vía e logo no centro comarcal de Cambados. Aquí tiña previsto reunirse cos alcaldes da bisbarra pero non acudiu ningún representante dos concellos gobernados polo PP. Só estiveron Manuel Vázquez, rexedor da Illa, e Alejandro Quintela, edil de Seguridade Cidadá de Vilagarcía, ambos do PSOE. Vázquez e Quintela criticaban logo nun comunicado a mala educación, falta de respecto institucional e sectarismo dos representantes do PP por non acudir á reunión. Cren que as boas novas que traía a conselleira lles molestaban.

    Ó mesmo tempo desta reunión, en Vilagarcía, o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, comparecía en rolda de prensa xunto cos alcaldes populares. Alí anunciaba que esixirá a María José Caride que aclare no Parlamento Galego e ós veciños do Salnés as razóns técnicas e políticas que sustentaron a decisión do peche da vía para o cambio dos tubos. Os populares insisten en que era posible compaxinar iso coa execución do desdobramento sen necesidade de pechar o tráfico. Din ademais nos graves prexuízos económicos que trouxo consigo esta decisión, sen que se adoptase ningunha medida compensatoria. En canto ó plante que lle fixeron á conselleira indicaron que os alcaldes non están só para saír na foto. Neste senso, o rexedor de Cambados, José Manuel Cores Tourís, explicaba hoxe a TVSB que lle pareceu unha ‘informalidade’ por parte de Caride convocalo a este acto dun día para o outro e por teléfono, posto que os alcaldes teñen a súa propia axenda.

    Pola súa banda, a conselleira informaba que o segundo tramo da vía do Salnés, de Curro a Ribadumia poderá entrar en servizo antes de que remate este mes de marzo, grazas ó bo ritmo que levan os traballos. Segundo indicou falta por rematar a substitución de dous tubos de drenaxe. A Xunta insiste en que antes de Semana Santa estará aberta a totalidade da vía do Salnés. O que se mantén é o límite de velocidade máxima en 80 quilómetros por hora, debido ás obras de desdobramento. A este respecto, Caride anunciou que a autovía entrará en funcionamento antes do verán de 2008.

    Redacción Salnés