VILAGARCÍA > Ratón reuniuse co xerente de Fexdega dentro da súa rolda de contactos con diversos colectivos de Vilagarcía para face-lo programa electoral.
O candidato nacionalista fíxolle chegar a Rodríguez Carballo o seu interés polo proxecto feiral de Fexdega dada a importancia estratéxica que ten como elemento dinamizador da economía de toda a comarca. Castro Ratón comprometeuse a impulsar dende todos os ámbitos posibles a actividade ferial no caso de acadar a responsabilidade de goberno en Vilagarcía. Aínda máis, o cabeza de lista do BNG suxeriulle ó xerente da fundación feiral a posibilidade de acadar un convencio entre a corporación municipal e Fexdega para que o Concello poida contar coas instalacións do recinto feiral, cando estas estiveran valeiras, para outros usos en eventos de caracter social, cultural ou deportivo. ‘Deste modo cumpriríamos coa máxima de optimizar a utilización das instalación públicas, un dos argumentos que levaremos no noso programa electoral’.
Mellora no entorno
A mellora do entorno do recinto foi outro dos temas abordados no encontro. Rodríguez Carballo fíxolle chegar ó candidato nacionalista a necesidade de adecentar o aparcamento situado fronte ó pavillón. O xerente tamén lle solicitou que se mellore o estado e a sinalización das rúas perimetrais do recinto.
O xerente pediu que tanto dende o Concello como dende outras instancias se inste a implicación do sectores productivos da comarca nas feiras relacionadas cos seus sectores. A necesidade de promover novas prazas hoteleiras en Vilagarcía e a posibilidade de promover dende instancias de carácter autónomico unha certa especialización nos recintos feriais de Galicia foron outros dos asuntos nos que coincidiron en aunar esforzos.
Apoio dende o padroado
Castro Ratón amosouse convencido de que a Fexdega lle esperan retos aínda moito máis ambiciosos nun futuro a curto prazo. Para afrontalos con éxito é preciso unha comunión de forzas entre tódalas entidades e administracións que participen na fundación.
O candidato nacionalista comprometeu dende xa o aval do BNG nesa tarefa. No caso do Concello, o candidato á Alcaldía do BNG, lembrou que o goberno municipal pode xogar un papel importante na medida que forma parte do Padroado da Fundación Fexdega.
Redacción Salnés