Velo non apoiará o plan de Cabo de Cruz se segue a xerar rexeitamento veciñal

    manuelvelo_100_120307.jpgBOIRO > Trala polémica aprobación do Plan Parcial de Barraña, Manuel Velo, explicou o seu desacordo co sistema de cooperación establecido polo concello.

    O voceiro de ICBoiro considera máis axeitado que os veciños constitúan unha xunta de compensación que determine as condicións para o desenvolvemento urbanístico dos seus terreos, tal e como propuxeron os propietarios de Cabo de Cruz. Precisamente no debate deste plan, previsto para o próximo día 22, Velo seguirá a opoñerse á súa aprobación se os veciños así o deciden.

    Segundo Manuel Velo, o sistema de cooperación favorecerá unicamente ós intereses de certas empresas que pretenden ‘especular’ cos terreos de Cabo de Cruz, impedindo a participación dos propietarios no desenvolvemento urbanístico deste núcleo. Tal e como propuxeran os veciños, o edil independente apoia a creación dunha xunta de compensación integrada por tódolos propietarios que sería a encargada de establecer as condicións e os custes da urbanización dos terreos.

    Velo considera que o goberno, ó tentar impoñer o sistema de cooperación tal e como aconteceu co plan de Barraña, está a impedi-la participación cidadá a pesar da existencia dun regulamento nesta materia e da importancia que supostamente o bipartito lle viña dando á implicación dos veciños nas decisións municipais. Por iso califica de ‘mera propaganda’ as accións desenvolvidas polo executivo en función do Regulamento de Participación Cidadá posto que finalmente non se ten en conta a opinión dos boireses.

    Lei dos 500 metros

    cabodecruz_200_120307.jpgPor outra banda, considera que os responsables do goberno están intentando asustar ós cidadáns coa entrada en vigor das medidas preventivas para a protección do litoral posto que, segundo explicou o independente, o PXOM de Boiro xa está adaptado á Lei do Solo de 2002 polo que non se verá afectado polo lei dos 500 metros.

    De cara ó vindeiro pleno do día 22, no que se debaterá a aprobación do Plan Parcial de Cabo de Cruz, Manuel Velo seguirá ó lado dos afectados e non apoiará o proxecto se segue a xerar rexeitamento veciñal.

    Redacción Barbanza