As obras no centro de Ribeira estarán finalizadas nos próximos días

    pavimentacionruasribeira_100_130307.jpgRIBEIRA > O concello de Ribeira iniciou o asfaltado das rúas situadas nas proximidades da casa consistorial.

    Esta actuación está incluída nas obras de reposición do pavimento das rúas no centro urbano da cidade presupostadas en máis de 720 mil euros.

    Os vehículos que circulan estes días polas proximidades do concello de Ribeira teñen maiores dificultades para o paso debido ás obras de asfaltado que se está a levar a cabo nas rúas Otero Pedraio, Nove de Agosto e Miguel Rodríguez Bautista. Aínda así o remate das obras que durante os últimos meses se viñeron desenvolvendo neste espazo está máis preto, e con el os problemas para vehículos e peóns, así como para os propios residentes e comerciantes desta zona que tiveron que afronta-los inconvintes dos traballos de mellora destas rúas.

    Humanización do casco urbano

    Ademais da renovación dos pavimentos e a ampliación das beirarrúas, as obras contemplaron tamén a mellora da rede de auga potable e de sumidoiros. Tamén se procedeu á ampliación do ancho das beirarrúas para maior comodidade dos peóns, realizouse a adecuación das zonas de aparcamento e de carga e descarga, así como instaláronse os correspondentes pasos de peóns que inclúen a adaptación precisa para facilita-lo tránsito das persoas con algún tipo de discapacidade.

    Con este tipo de obras o executivo local pretende continuar adaptando Ribeira ás necesidades das persoas ó tempo que se van renovando tamén os pavimentos das estradas para faciltarlle tamén a circulación ó tráfico rodado.

    Deste xeito continúa o programa de humanización do casco urbano de Ribeira no que o goberno local ten investido ata o de agora uns tres millóns de euros. Entre as obras xa realizadas con cargo a este presuposto atópanse a peonalización da rúa General Franco e a mellora da rúa manzanares, e na actualidade estase procedendo á mellora integral do barrio do Monumento

    Redacción Barbanza