O BNG de Vilagarcía propón crear unha Mesa Permanente do Tráfico

    sofiabeirascastroraton_100_130307.jpgVILAGARCÍA > O candidato nacionalista reuniuse coa directiva da asociación de comerciantes Zona Aberta á que lle propuxo formar parte da mesa.

    Tras manter nos últimos días entrevistas co presidente da Autoridade Portuaria e co xerente de Fexdega, Xosé Castro Ratón reuniuse coa directiva de Zona Aberta. O encontro, que se prolongou durante algo máis dunha hora, tivo un carácter cordial. Castro Ratón estivo acompañado polas concelleiras nacionalistas Ana Lorenzo e Covadonga García-Toriello.

    O candidato deixou clara a importancia estratéxica que ten para Vilagarcía o sector comercial e expresou a súa vontade de ter unha especial sensibilidade coas propostas que lle deu a asociación. Unha das preocupacións dos comerciantes é o tráfico. Nese sentido, Castro Ratón adiantoulles unha das ideas que marcarán o programa do BNG, unha ‘mesa permanente de tráfico’ na que estarían técnicos municipais pero tamén representantes de asociacións e colectivos implicados con este tema, incluida Zona Aberta.

    A idea enmárcase dentro da política de ‘gobernar para a xente escoitando á xente’ posta en marcha polo candidato nacionalista.

    Novas tecnoloxías

    bngvilagarciasofiabeiras_200_130307.jpgRatón tamén se comprometeu a crear unha ferramenta informática que pode resultarlles de gran utilidade ós comerciantes. Enmarcada no Plan Director das Novas Tecnoloxías que o BNG pensa desenvolver en Vilagarcía está a instalación dunha rede wi-fi que cubra a maior parte do territoritorio municipal.

    Outras inquedanzas que lle transmitiron os comerciantes foron a deficiente limpeza das rúas, ou o escaso control dos mercadiños. Tamén pediron máis seguridade cidadá e un novo plantexamento da axencia de desenvolvemento local.

    Axudas polas riadas

    As enchentes e os danos que causaron no comercio tamén estiveron presentes na conversa. Castro Ratón interesouse pola situación nas que se atopa a concesión das axudas previstas e comprometeu a súa xestión e intermediación ante a administración nalgúns casos que aínda quedan por resolver.

    Redacción Salnés