Catro radares fixos controlan a velocidade na vía rápida do Barbanza

    radaresviarapida_100_140307.jpgBARBANZA > A Dirección Xeral de Tráfico vai desenvolver nas vindeiras semanas unha campaña intensiva de vixilancia e control da velocidade

    … nas principais estradas interurbanas de Galicia co fin de evita-los altos índices de sinistralidade que se producen nas nosas vías. Boa parte dos controis serán realizados grazas ós novos sistemas de medicións instalados durante os últimos meses nas estradas, como é o caso da Vía Autonómica do Barbanza onde se colocaron un total de catro medidores.

    Os condutores que circulen a partir de agora pola Vía Autonómica do Barbanza deberán extrema-las precaucións e respecta-los límites de velocidade establecidos. Ás obras e retencións provocadas pola realización das obras de conversión desta estrada en autovía, hai que sumarlle agora a posta en funcionamento de catro zonas de control, ou radares fixos, en varios puntos deste vial, polo que haberá que ir preparados.

    Límite de 100 Km/h

    radaresviarapida_200_140307.jpgAs cabinas, que se sitúan nos puntos quilométricos 13, 26 e 27, foron instaladas de acordo ós informes realizados pola Xefatura Provincial de Tráfico na Coruña, ó atoparse tramos que necesitan un maior control da velocidade para reducir así o alto número de accidentes. En tódolos puntos de control desta estrada o límite establecido está nos cen quilómetros por hora. Aínda así non todas elas terán o correspondente radar dentro, e os aparatos de medición da velocidade irán rotando polas distintas cabinas en función dos informes realizados por Tráfico.

    En total estes días van entrar en funcionamento en toda Galicia uns 18 novos radares, 14 dos cales estarán instalados en estradas convencionais, aquelas que non son nin autovías nin autopistas. Todos eles se sumarán ós 34 xa existentes e que viñan operando nesta comunidade, tanto en pórticos de información vial como nas cabinas situadas nas marxes das estradas. A implantación destes sistemas de control da velocidade nas autovías e nas autopistas permitiralle os axentes da Garda Civil de Tráfico realizar maiores controis nas estradas secundarias, que son o lugar onde maior número de accidentes con vítimas mortais se producen.

    Redacción Barbanza