O concello de Rianxo levará a pleno a adhesión á rede ‘Doing Business’

RIANXO> O executivo rianxeiro levará ó pleno de febreiro a adhesión do concello á rede Doing Business. Malia que este programa incorpora numerosas vantaxes para a dinamización da actividade empresarial, dende o goberno de Rianxo entenden que deberían modificarse algúns criterios primando a rebaixa do prezo do chan empresarial fronte outras medidas.

Aínda que si consideran vantaxosa a adhesión de Rianxo ó programa Doing Bussines, o goberno de Rianxo entende que o principal peso das medidas para facilitar a implantación empresarial recaen sobre os concellos posto que a maior parte das bonificacións aplícanse a impostos de carácter municipal. Consideran que tanto a administración autonómica como a central deberían realizar un maior esforzo, referido principalmente á rebaixa no prezo do chan industrial.

A incorporación nesta rede suporá tamén importantes beneficios para os propios concellos posto que contarán con preferencia á hora de optar a liñas de subvencións polo que se converte case nunha obriga a catalogación como concello Doing Business.