A toxina alcanza as concesións da confraría da Pobra

    POBRA> Lonxe de remitir, a toxina lipofílica continúa o seu avance polas rías galegas obrigando ó peche de zonas que aínda permanecían abertas. É o caso da confraría da Pobra que se viu obrigada a parar a actividade, unha semana despois do inicio da campaña de verán. Os mariscadores da Pobra agardan con expectación os resultados das análises realizadas ás últimas mostraxes de marisco para comprobar se a ameixa continúa afectada pola toxina. As alarmas saltaban o pasado venres cando o marisco recollido nesa mesma xornada arroxou un resultado positivo obrigando a pechar as concesións. O peche cautelar chega tras apenas catro días de campaña de verán na que, a pesar de que as capturas non eran moi abundantes, si compensaban os prezos; á alza debido á presenza de toxina en case toda a ría. Polo momento, deberán agardan a obter dous resultados negativos para confirmar a remisión da toxina e poder retomar a actividade nunha época clave para a economía dos produtores.