Mar anuncia as obras de mellora do abrigo do peirao e a ampliación de atraques en Portosín

PORTO DO SON> A conselleira do Mar, Marta Villaverde, desprazouse esta mañá ata Portosín para anunciar as obras de mellora do abrigo do peirao e a ampliación de atraques.

A actuación que será realizada por Portos de Galicia ten un orzamento de preto dos 2’2 millóns de euros.

Segundo a titular do Mar esta actuación permitirá ampliar a capacidade pesqueira deste porto e mellorar tamén a seguridade da flota, tanto pesqueira como deportiva.

O alcalde, Luís Oujo, agradeceu este importante anuncio, que responde a unha vella demanda tanto do Concello como da Confraría de Pescadores, que se complementará coa renovación das luminarias de tecnoloxía led que se está a realizar actualmente cun orzamento de 112 mil euros.

Segundo informaron fontes da propia Consellería a actuación iniciarase de inmediato, cun prazo previsto de execución das obras de nove meses.