Dieste traslada a Feijóo a necesidade de mellorar a seguridade en Vilariño

    BOIRO> O alcalde de Boiro, Xoán Xosé Dieste, mostrou a súa satisfacción tralo encontro mantido co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. O rexedor boirés trasladoulle ó máximo dirixente do Goberno Galego diversos proxectos de interese para o municipio que levaban anos paralizados por falla de presuposto. Varios foron os proxectos que Xoán Xosé Dieste levou na carteira a San Caetano coa finalidade de arrancar un compromiso firme por parte do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, para a súa execución. O primeiro deles é a mellora da seguridade viaria na zona de Vilariño, coa construcción de beirrarúas dende esta zona ó núcleo de Boiro, unha actuación moi demandada dende hai anos e que agora podería levarse a cabo. Outra das actuacións polas que o rexedor boirense mostrou o seu interese foi a construcción de pantaláns para o sector mexilloeiro en Cabo de Cruz, un proxecto que podería ir incluído na actuación contemplada xa nos presupostos do ano que vén de instalar pantaláns para mariscadores. Dieste tamén lle trasladou a necesidade de seguir acometendo actuacións de saneamento, dando continuidade ás obras que se están a levar a cabo actualmente en Esteiro e Subuqueiro, ou o futuro colector do río Breiro. Tamén lle solicitou a mellora da accesibilidade no porto de Cabo de Cruz e a posibilidade de construir nun futuro próximo unhas novas instalacións para o Club de Remo Cabo de Cruz. Un proxecto de moita envergadura e que, polo seu custe, debe contar coa implicación doutras Administracións.