Centos de persoas dan o último adeus ó músico noiés Prudencio Romo

funeralprudencioromo_100_210307.jpgNOIA > A igrexa de San Martiño de Noia acolleu un multitudinario funeral para despedir a Prudencio Romo, o fundador do mítico grupo ‘Los Tamara’.

A nova do seu falecemento, que se producía o pasado martes, causou unha gran consternación no concello noiés que xa decretou tres días de loito oficial.

Os restos mortais de Prudencio Romo xa descansan no cemiterio de Santa María A Nova despois de que centos de amigos e veciños brindaran unha sentida despedida a esta figura clave na historia da música galega. Ademais dun gran número de compañeiros de profesión, ó funeral asistiron autoridades das comarcas de Muros-Noia e o Barbanza así coma representantes de diversas asociacións e entidades.

Loito oficial

O afamado músico e compositor faleceu nun hospital de Santiago, onde permanecía ingresado dende hai días a causa dunha grave doenza. A tráxica nova foi recibida con gran tristeza polos habitantes da comarca noiesa polo que o concello xa decretou tres días de loito oficial na súa memoria.

A traxectoria musical de Prudencio Romo iníciase hai xa moitos anos atrás cando a finais da década dos 50 funda o grupo ‘Los Tamara’ xunto ó seu irmán Alberte e Manolo Paz, Xosé Sarmiento, Germán Olariaga e Enrique Paisal. Non tardaron en acadar a fama e durante os anos 60 e 70 convertéronse nuha das referencias básicas do pop nacional coa publicación de varios discos e xiras a nivel internacional. O grupo desfíxose en 1976 aínda que a súa actividade continuou de xeito ocasional e o seu último disco recompilatorio ‘Agora é sempre’ data do ano 2002.

Ademais do seu recoñecemento a nivel musical, Prudencio Romo era moi querido en toda a comarca e xa en 1966 fora nomeado fillo predilecto do concello de Noia. Tamén era socio de honra do Liceo Noiés pola súa ardua labor na recuperación do xénero da zarzuela e fundara, no ano 94, a escola de música de Lousame. Precisamente, o concello lousamiano tiña previsto renderlle unha homenaxe con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, que terá que, tralo triste acontecemento, terá que ser a título póstumo. Pola súa banda, os membros da banda municipal, da que fora director durante anos, deron a este gran músico o seu último adeus coa interpretación de varias pezas musicais durante o acto fúnebre.

Redacción Barbanza