Cultura investirá 400 mil euros na recuperación do Castelo da Lúa

    castelodalua_100_210307.jpgRIANXO Ánxela Bugallo presentou o proxecto de recuperación e posta en valor do Castelo da Lúa no que o seu departamento investirá uns 400 mil euros.

    Durante unha visita a Rianxo, na que estivo acompañada polo alcalde, Pedro Piñeiro, e o Director Xeral de Patrimonio, Felipe Arias, a Conselleira de Cultura sinalou que o obxectivo desta actuación non é outro que garanti-la conservación do castelo para facer posible que os veciños deste municipio e os visitantes poidan coñece-la súa estrutura e a súa función.

    A Consellería de Cultura ten previsto que os traballos se inicien este mesmo ano, prolongándose ata o ano que vén. A actuación consistirá basicamente na recuperación da traza do antigo castelo mediante o descubrimento dun antigo foxo, hoxe desaparecido ó tratarse dunha zona de recheo que serve de acceso ó peirao alí existente. Na recuperación desta estrutura defensiva, posiblemente erixida no século XIII por Paio Gómez Chariño, empregaranse os materiais propios, actualmente depositados no lugar e que foron atopados cando se realizou o actual paseo marítimo.

    Con anterioridade Ánxela Bugallo foi recibida oficialmente na casa consistorial pola corporación case ó completo. Alí o alcalde solicitoulle maior implicación da Consellería na posta en valor do rico patrimonio cultural existente no municipio, tanto o civil coma o relixioso. Piñeiro Hermida queixouse ademais do trato recibido polos últimos titulares de Cultura que apenas se implicaron nos proxectos existentes en Rianxo. Na súa intervención solicitou tamén que a casa Castealo fose dunha vez declarada Ben de Interese Cultural, recibindo o compromiso da propia Conselleira.

    Redacción Barbanza