Os traballadores das ambulancias retoman a folga á falla de acordo

     PONTEVEDRA> Os traballadores do servicio de transporte sanitario en ambulancias volven á folga.

    {flowplayer}images/salnes/folga_ambulancias.flv{/flowplayer}

    Tralas primeiras xornadas de folga do pasado mes de decembro, os empregados das ambulancias decidiron suspender os seus actos reivindicativos durante as datas festivas en sinal da súa boa fe, á espera de que a patronal aceptase a súa reivindicación. Agora, neste ano novo, e tras fracasar a posibilidade de acordo entre as partes na reunión deste último martes, conductores e técnicos de ambulancias volven a mobilizarse cada semana cunha dobre xornada de paro de cadansúas 24 horas; os xoves e venres de cada semana de xeito indefinido ata que a Patronal acceda ás súas peticións.

    De non conseguiren a ultra-actividade do convenio do 2010 ou asinar un novo con estas características antes do verán, estes traballadores pasarán a rexerse segundo o Convenio Xeral dos Traballadores, co que verían minguadas as súas condicións laborais, non só no eido retributivo.

    Calcúlase que na Área de Sanitaria de Pontevedra hai máis dun cento de traballadores deste sector, que ascenden a 1.400 cando falamos da nosa Comunidade. Para procurar unha solución a estes afectados os colectivos sindicais piden a intermediación da Consellería de Sanidade, por ser este un tema de vital importancia para a cidadanía que, aínda non sendo de xestión pública, pode afectar directamente a calquera cidadán. Namentres a solución non chegue, as folguistas garante o cumprimento dos servicios mínimos, sobre todos os relativos ó transporte urxente, que cobren o 100 % dos casos.

    Os actos de concentración comezaron a súa xuntanza no Hospital Provincial de Pontevedra a primeira hora desta mañá, para despois desprazarse ó Hospital de Montecelo. Mañá volverán a mobilizarse nuns lugares que non concretan a priori para evitar minimizar o impacto das súas actuacións.

    Redacción Salnés