![]()
BOIRO > A corporación municipal aprobou de forma definitiva o Plan Parcial de Cabo de Cruz, despois de quequedara sobre a mesa no pasado pleno do día 8.
Para obte-lo consenso de tódolos grupos políticos foi preciso introducir unha enmenda na que o concello asume o compromiso de cambiar o sistema de xestión dos terreos, de cooperación a compensación, se os propietarios afectados así o deciden.
A pesar de que a votación foi unánime, o transcurso do debate non estivo exento de polémica. A sesión iniciouse cun aparente clima de consenso coas intervecións dos portavoces de ICBoiro e PSOE, Manuel Velo e Xoán Xesús Ares, que expuxeron a súa vontade de sacar adiante o Plan Parcial sempre que se establecera un compromiso por parte do goberno para modificar o sistema de xestión dos terreos, en función das demandas dos propietarios.
Polémica intervención
O enfrontamento chegou coa intervención do concelleiro nacionalista, Antón Vidal, quen felicitou ós restantes grupos políticos por ‘volver ó rego’ e calificou de ‘esperpento’ a actuación no pasado debate do día 8, no que o punto quedou sobre a mesa. Unha decisión que o BNG non entende, posto que agora tódolos grupos da corporación apoian o plan sen que se teña modificado o seu contido den de aquela. En canto ó sistema de xestión, Vidal explicou que é a lei a que establece a posibilidade de substituír a cooperación pola compensación, polo que o concello non podía garantir esta posibilidade.
Tras unha polémica intervención, interrompida en varias ocasións polos veciños de Cabo de Cruz que asistiron ó pleno, tamén a oposición critiou duramente a actitude do edil nacionalista. Segundo o voceiro do PP, Xoán Xosé Dieste, os veciños e mailos grupos políticos acadaran un acordo de ‘consenso e harmonía’ que se vén desestabilizar coas provocacións do discuros nacionalista. Ademais acusou ó goberno de ter abandonado o desenvolvemento dos plans parciais durante anos e tentar agora responsabilizar ós demais dos seus erros.
Aprobación unánime
Tras un intenso debate, tódolos grupos políticos plantexaron a posibilidade de modificar a proposta para incluír o compromiso do cambio no sistema de xestión. O secretario municipal explicou que a única opción de acordo coa legalidade era a introdución dunha enmenda sometida á votación do pleno.
No medio da sesión, os portavoces de tódolos grupos políticos ausentáronse para reunirse co secretario municipal e consensuar un texto para engadir á proposta de aprobación definitiva do plan parcial de Cabo de Cruz.
A introdución desta nova enmenda, fixo que tódolos grupos votaran a favor do plan quedando aprobado de forma definitiva aínda que será preciso someter novamente o proxecto a información pública e notificar a modificación individualmente a tódolos propietarios afectados.
Redacción Barbanza










