Nando Casal: ‘Quero ser alcalde por amor a Catoira’

    presentacionnandocasal100_230307.jpgCATOIRA > Nando Casal asegura que quere ser alcalde de Catoira para devolverlle todo o aprecio que sinte por este concello…

    … Así o afirmou no acto de presentación da súa candidatura. O nacionalista contou co respaldo de varios deputados autonómicos, da conselleira de Cultura e doutros candidatos da comarca arousá.

    presentacionnandocasal200_230307.jpgApoio multitudinario tivo o candidato á alcaldía de Catoira polo BNG. Nando Casal contou ademais co respaldo de altos cargos do partido. Ata o restaurante Casa Emilio de Catoira achegáronse os deputados autonómicos Bieito Lobeira e Carme da Silva, e a conselleira de Cultura Ánxela Bugallo. No estrado falouse da ilusión e entrega que amosa Nando Casal para cambiar o goberno local. ‘O 27 de maio soará a música para a victoria de Nando’, indicou Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura.

    O candidato quixo deixar claro ós presentes a necesidade do voto útil o 27 de maio, para arrebatarlle, desta vez si, o goberno ó socialista Alberto García. Nando Casal bromeou coa recente viaxe a Arxentina do alcalde e cre que foi alá ‘a buscar 200 votos por medo ó BNG’. Contra quen pensa que non podería gobernar o concello seguindo como músico en Milladoiro, asegura que ten folgos para iso e incluso para compaxinalo coa súa farmacia. ‘Eu a única condición que vos pido é seguir tocando, que as miñas xiras con Milladoiro son máis curtas que as viaxes que fai o alcalde a Arxentina’, bromeou o candidato nacionalista.

    Xa en serio, afirmou que o primeiro proxecto que executará sendo alcalde será pintar as casas de cultura, porque di que son un desastre. Amosouse a favor do multiusos, pero non en Fonte Gaiteira. Tampouco cambiará a Casa do Concello, e di que eses cartos serven mellor para dotar de servizos básicos ás parroquias. Parafraseando a Castelao, explicou porque se meteu nesta aventura: ‘fíxenme farmacéutico por amor a miña nai, fíxenme músico por amor a meu pai e quero ser alcalde por amor a Catoira’.

    Redacción Salnés