![]()
RIBEIRA > O executivo ribeirés investirá 90 mil euros na mellora dos parques Rafael Dieste en Ribeira e Caticobas en Palmeira.
Os traballos para levar a cabo o seu acondicionamento xa foron adxudicados, polo que nas próximas semanas poderían comeza-las obras. A intención do goberno local non é outra que mellorar estes dous lugares de ocio e entretemento co fin de que reunan as condicións axeitadas para que nenos e maiores poidan desfrutar do seu tempo de lecer.
A Xunta Local de goberno vén de aprobar a adxudicación das obras dos parques da rúa Rafael Dieste en Ribeira e Caticobas en Palmeira, cun orzamento que se achega ós 90 mil euros.
No primeiro dos parques investiranse aproximadamente uns 55 mil, mentres que no segundo a inversión superará os 35 mil euros. As obras nestas dúas áreas de ocio, a de Caticobas será de nova construción, permitiralle ó executivo seguir coa súa liña de actuación, que non é outra que tratar de dotar a tódalas parroquias do municipio de novos espazos abertos ós veciños, para o seu desfrute e ocio.
Precisamente nos orzamentos municipais para este ano 2007 xa se contemplan diversas actuacións en distintos parques do concello, como é o caso de Deán Pequeno, para o que están destinados preto de 52 mil euros. Na actualidade tamén se están a realizar obras de mellora na Praza da Concordia, tamén coñecida como parque García Bayón.
Redacción Barbanza










