As bicis toman as rúas de Boiro

BOIRO> Boiro vivía este domingo un multitudinario día da bici. Na actividade, organizada dende o Concello en colaboración co Club Ciclista Barbanza, tomaron parte ó redor dun millar de persoas. Dende as dez da mañá, a praza de Galicia foise ateigando de participantes que non querían perderse esta cita, todo un clásico xa na localidade.

A cita estaba aberta a maiores de seis anos, e o único requisito para poder participar nela era dispoñer de bicicleta e casco. Ás once, con puntualidade británica, deuse saída á ruta, de dificultade baixa, que percorreu diferentes puntos do Concello, como é o caso de Escarabote, Cabo de Cruz ou Abanqueiro, para poñer rumbo de novo á praza de Galicia, saída e meta do percorrido.
O obxectivo da actividade non era competitivo, mais ben desfrutar dunha xornada de convivencia e bo ambiente entre tódolos amantes das dúas rodas.