Rosana Pérez asume o compromiso de modifica-lo PXOM se accede á alcaldía

    presentacionrosanaperez_100_260307.jpgPOBRA > O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, arroupou a Rosana Pérez no seu acto de presentación coma candidata nacionalista á alcaldía da Pobra.

    Un gran número de persoas achegáronse ata o restaurante O Lagar da Pobra do Caramiñal para asistir ó acto de presentación de Rosana Pérez como candidata do BNG á alcaldía deste localidade.

    No acto participou como convidado destacado o líder desta formación política, Anxo Quintana, quen afirmou durante a súa intervención que non só vale a política do cemento para garanti-lo desenvolvemento do concello, sinalando que a candidatura do BNG é a mellor garantía para revitaliza-la Pobra do Caramiñal, implantando políticas pensadas para crear traballo para a xente nova e impulsando a industria e o comercio da localidade.

    Como asignaturas pendentes atópanse un centro de día para persoas maiores e unha galescola. Aproveitou o acto Quintana para criticar tamén o PXOM, tan valorado polo goberno municipal do PP, ó que calificou de pensado para tan só beneficiar a uns poucos e prexudicar a moitos. Nese sentido aludiu ós graves problemas que causará a futura estrada de circunvalación prevista polo actual executivo.

    Perda de poboación

    Na súa intervención Rosana Pérez criticou a situación de esmorecemento que vive a localidade, indicando que é o único concello da comarca que perde poboación, un dato que o atribuíu ós anos de goberno do PP. Segundo ela fixéronse moitas obras pero non se aplicaron políticas para que a xente quede neste concello.

    No seu discurso defendeu a necesidade de que o concello se convirta nun aliado para impulsa-lo comercio local e a hostalería, así como a industria, aludindo á consecución grazas ó traballo dos nacionalistas dun polígono comarcal dun millón de metros cadrados entre a Pobra e Ribeira.

    Na súa intervención Rosana Pérez aproveitou para adquirir un compromiso, se chega á alcaldía cambiará o actual PXOM ata onde sexa posible, e realizará un novo trazado para a estrada de circunvalación menos lesivo para os intereses dos veciños.

    Redacción Barbanza