A vía rápida do Barbanza sufrirá os primeiros cortes trala Semana Santa

    alcaldesviarapida_100_270307.jpgBARBANZA > As obras de desdobramento da vía autonómica do Barbanza que se están a executar actualmente obrigarán a cortala ó tráfico en varios treitos.

    Así o anunciaron en Rianxo o Director Xeral de Obras Públicas, Manuel Morato, e o Delegado Provincial da Consellería de Política Territorial na Coruña, Jacinto Parga. O primeiro corte programado será despois da Semana Santa, entre os enlaces de Dodro e Boiro, nuns 21 quilómetros. O peche neste primeiro tramo durará ata finais de xuño, período no que o tráfico será desviado a través da estrada AC-305.

    Na xuntanza, participaron ademais de representantes de Política Territorial, responsables da empresa concesionaria das obras, así como tamén os alcaldes da comarca afectados polas obras: Dodro, Rianxo, Boiro, Pobra do Caramiñal e Ribeira. Foi precisamente o Director Xeral de Obras Públicas, Manuel Morato, o encargado de anuncia-los cortes de tráfico previstos ó longo dos vindeiros meses nesta vía. Segundo Manuel Morato a vía volverá a abrirse ó tráfico nos meses de xullo e agosto, evitando así afectar ós períodos de maior afluencia turística ós concellos da zona.

    Durante este corte o tráfico será desviado a través da estrada AC-305, que será debidamente acondicionada para soportar unha maior carga de vehículos e sinalizada como itinerario alternativo, destinadose 1’5 millóns de euros a este fin.

    O Director Xeral de Obras Públicas sinalou ademais que o corte da vía autonómica do Barbanza e o conseguinte desvío do tráfico, así como as interrupcións puntuais por mor das voaduras que se van realizar, resultan obrigadas ante a necesidade de afrontar o groso dos traballos de desdobramento para a construción da autovía.

    Paso provisional

    Co fin de aliviar estes inconvintes, os técnicos da Consellería de Política Territorial están a traballar nunha solución técnica que permita acurtar a lonxitude do itinerario alternativo a través da AC-305 habilitando un paso provisional para os vehículos lixeiros sobre o viaduto que a vía do Barbanza ten sobre a Ría de Arousa, entre os concellos de Rianxo e Boiro. A opción que se está a estudar consiste na construción duns enlaces provisionais entre a estrada vella e o viaduto da vía, o que evitaría que os vehículos lixeiros teñan que dar un rodeo por Ponte Beluso.

    Dende a Consellería de Política Territorial laméntase as molestias que o peche desta estrada poida ocasionar á cidadanía, e moi especialmente ós veciños da comarca do Barbanza que verán limitada a súa mobilidade, traballando para acelerar ó máximo a marcha das obras.

    Redacción Barbanza