A ría de Muros-Noia será escenario do I Campionato Galego de Wingfoil

PORTO DO SON> As instalacións do Real Club Náutico de Portosín foron o lugar escollido para a presentación da primeira edición do Campionato Galego de Wingfoil, unha disciplina moi recente, xurdida en Hawai, que combina elementos do Kitesurf e do Windsurf, consistente no deslizamento sobre a auga cunha táboa coa axuda dunha cometa inchable que se manexa coas mans.

Dende o Náutico sonense destacaron a importancia da proba e o privilexio de poder organizar por primeira vez en Galicia este Campionato.

Na presentación do campionato tomaron parte diversa autoridades, entre elas o edil de Deportes, Carlos Lorenzo, e o Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Roberto García. Os dous destacaron a importancia deste Campionato.

Na proba, que de seguro será un espectáculo visual na ría de Muros-Noia, xa hai máis dunha vintena de inscritos, con varios participantes locais, co olímpico Iago López Marra, impulsor desta modalidade, entre eles.