Ribeira non contará cun centro integrado se non se acada un consenso social

    coroso_100_270207.jpgRIBEIRA > Os representantes da ANPA do IES Coroso mantiveron unha xuntanza co Director Xeral de F.P. para coñece-lo futuro da oferta educativa no centro.

    Ante as informacións aparecidas recentemente en diversos medios de comunicación relativas ó inicio das xestións para a consecución dun centro integrado para Ribeira, os membros da comunidade educativa do IES Coroso quixeron coñecer de primeira man o futuro da oferta educativa que actualmente se imparte no seu centro.

    Para elo, mantiveron unha xuntanza co Director Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez, a quen lle explicaron o seu interese por contar cun centro integrado na localidade pero non a costa de suprimi-la educación secundaria do Coroso. Para a ANPA, o traslado dos estudantes que na actualidade cursan a ESO no instituto de Coroso provocaría a masificación dos restantes centros públicos, prexudicando notablemente a súa calidade educativa. Por iso, optan pola segregación da formación profesional e propoñen acomo alternaiva a habilitación de aulas en instalacións próximas ó centro.

    Necesidade de consenso

    Durante a reunión, o representante da Consellería de Educación explicou que, de momento, o departamento autonómico non ten iniciado ningunha xestión para a implantación do centro integrado. Vázquez informou que só se levará a cabo se existe un consenso social e político no municipio; de non ser así, o centro integrado iría para outra localidade veciña.

    Os pais dos alumnos non entenden a férrea postura da administración autonómica, pechada a negociar a posibilidade de mante-la secundaria no Coroso e implanta-los ciclos nos antigos edificios da UAD e da ISM, que xa foi cedido a Educación.

    Tampouco están de acordo coa postura da asociación ribeiresa de empresarios que xa manifestou en diversas ocasións a necesidade de obter un centro integrado para Ribeira, sen ter en conta a situación do Coroso. As críticas da ANPA diríxense tamén cara o grupo municipal dos socialistas que, nun principio se comprometera a apoia-lo mantemento da ESO no instituto, e agora cambiou de opinión.

    Redacción Barbanza