A Beira do Mar despide cunha sonora pitada á conselleira de Política Territorial

    caridenailla100_300307.jpgA ILLA > Os veciños da Illa afectados pola Lei de Costas volveron recibir os expedientes sancionadores abertos por Política Territorial, …

    … a pesar de que a delegada provincial lles indicara que llos ían a paralizar. E por iso aproveitaron hoxe a presencia da Conselleira na Illa para apostarse coas súas pancartas diante do Concello e reiterar as súas demandas a María José Caride.

    beiradomarcontracaride300_300307.jpgA Beira do Mar da Illa de Arousa está que trina. E iso que minutos antes a Conselleira de Política Territorial anunciaba boas novas para o municipio. María José Caride indicou que o seu departamento e mailo Ministerio de Medio Ambiente iniciarán a redacción do Plan de Ordenación do Litoral contemplando a singularidade especial para a Illa de Arousa. Terase en conta, xa que logo, que este é o único concello insular e afectado no 100 por cento do seu territorio polos 500 metros fixados para a protección da costa.

    Caride sinalou que o plan se podería ter listo en seis meses para amosarllo ó Concello, e que tratará de conciliar o desenvolvemento urbanístico e turístico coa conservación do medio natural. O alcalde amosou a súa satisfacción e non deixou escapar que esta é a primeira vez que tanto o goberno autonómico como o central escoitan as reclamacións da Illa. ‘Levamos moitos anos reclamando e nas dúas tramitacións da Lei do Solo os anteriores gobernos fixeron oídos xordos ás demandas da Illa’, engadiu Manuel Vázquez.

    A Beira do Mar denunciou hoxe que están a recibir de novo os expedientes sancionadores abertos por Política Territorial. Por iso unha das súas principais consignas era precisamente a súa retirada. Sobre o asunto, Caride quixo deixar claro que estas demandas xa veñen de fai moito tempo e que a solución non se atopará axiña.

    Caride achegouse hoxe á Illa para asinar un protocolo de intencións co alcalde, no que se manifesta a vontade da consellería de contribuír no remate das obras do complexo sociocultural, que contará cun centro da terceira idade, un auditorio para 250 persoas e espazos auxiliares para exposicións. Segundo explicou xa está iniciado o proceso para a firma dun convenio para financiar con máis de dous millóns e medio o acondicionamento interior do edificio, obras que poderían licitarse xa neste mesmo ano. Tamén anunciou que a finais de mes se iniciará a recuperación do entorno patrimonial do antigo peirao do Pau e do Museo da Conserva, cun financiamento de 219 mil euros.

    Redacción Salnés