VILAGARCÍA> O desbloqueo do PXOM vilagarcián podería estar próximo. O goberno local empregará a fórmula dun contrato menor para licitar a parte do documento que aínda queda por redactar, trala renuncia de Eptisa. A intención é que se cumpran os prazos, e que o plan xeral poida ir a aprobación inicial e alegacións durante este ano.
O goberno de Vilagarcía xa escolleu a fórmula para desbloquear a redacción do PXOM, paralizada trala renuncia de Eptisa. Tras escoitar os informes xurídicos dos técnicos, a parte que queda por redactar sacarase a licitación cun contrato menor.
Trala aprobación inicial, si sería preciso o inicio dun concurso aberto para continuar coas fases pendentes ata a aprobación final.
O que ten claro o executivo é que non sería lóxico que unha empresa que non coñeza a realidade de Vilagarcía se faga cargo do que resta ata a aprobación inicial. De feito, para eles a mellor solución era que se encargaran os propios extraballadores de Eptisa que redactaran o que xa hai do PXOM. Pero a opción da cesión directa foi descartada polos servizos xurídicos.
Segundo Varela, calculan que o contrato menor pode resolverse nun prazo de dous meses, e non renuncian a ter rematada a aprobación inicial e o período de alegacións neste ano. Agardan, ademais, seguir contando coas subvencións da Xunta de Galicia.
O alcalde presentou esta opción ao resto de partidos que forman a corporación. Segundo Varela, a gran maioría apoiaron a decisión do executivo, na procura da solución máis áxil. Pola súa banda, dende o Partido Popular xa cualificaron a reunión de “descafeinada” pola falta de informes, e acusan ao goberno local de “perder tempo” para agora “entrarlle as présas”.