o goberno da Illa pide unha ‘restrición drástica’ de visitantes ao illote do Areoso

A ILLA> O deterioro do Areoso preocupa ó concello da Illa. O goberno local propón unha restrición drástica de visitantes ó illote para que a presión turística non continúe danando as dunas. O Concello agarda que o Plan de Usos que está redactando a Xunta, contando co executivo insular e a Confraría, estea xa en vigor o verán que vén.

O illote do Areoso é unha paraxe natural de gran valor que, cada vez, sofre máis presións. O desembarco masivo de turistas, xunto co seu normal desgaste morfolóxico, están poñendo ó límite o espazo.

Dende o Concello hai tempo que o veñen advertindo. O goberno local, xunto coa confraría e a a Xunta están a traballar nun plan de Usos, que se está encargando de redactar a Consellería de Medio Ambiente. O alcalde insular avanza que a priori se descarta que o acceso ó illote quede prohibido. Iso si, o que demandan por parte do concello é unha ‘restrición drástica’ do número de visitantes.

O rexedor insular, polo de agora, evita fixa-lo máximo de visitantes ó Areoso. Recoñece que a cifra deberá ser ‘moito menor’ ás actuais para evitar danos. Con todo, apunta que esas cuestións técnicas deberán ser consensuadas nos vindeiros encontros coa Xunta, co obxectivo de que entre en vigor no vindeiro verán. O importante, di o alcalde, é que a partir da entrada en vigor do Plan de Usos o goberno lle dea forma xurídica para garanti-la conservación do Areoso.

Unha protección cada vez máis necesaria, en parte, polo mal uso que os visitantes lle dan ó Areoso. Seica moitos usuarios non respectan nin as dunas, o que implica a súa mingua, nin tan sequera os dolmens que atesoura o illote, empregados nalgunhas ocasións incluso como zonas de xantar.

Por esa razón, no novo Plan de Usos tentarase darlle a máxima difusión ós valores naturais e paisaxísticos do illote. E todo para que a acción dos humanos non acaben por destruír un espazo que nin a forza do mar conseguiu mergullar.