O BNG denuncia irregularidades na concesión dunha licenza urbanística

    denunciaurbanisticacorrubedo_100_040909.jpgRIBEIRA> A agrupación local do BNG vén de solicitar ó executivo a revisión dunha  licenza para a construción de dezasete vivendas en Corrubedo.

    {flowplayer}barbanza/denunciaurbanisticacorrubedo.flv{/flowplayer}

    Con esta iniciativa, a agrupación do BNG de Ribeira faise eco das reiteradas denuncias da asociación veciñal ‘Campo da Agra’ nas que reclaman a paralización das obras e a revisión da licenza municipal pola que se autorizou a construción dunha urbanización de dezasete vivendas con alturas de edificación de soto, planta baixa, unha planta e baixo cuberta.

    Dende o BNG ribeirés salientan que a meirande parte do solo onde se pretende construír esta urbanización está cualificado no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ribeira como norma de protección de Espazos Naturais. 

    A outra parte do solo, din os nacionalistas, ten a calificación de urbano polo que cren que é necesario delimitar sobre o terreo os límites de ámbalas dúas zonas.

    Resolución da Xunta

    Ademais do PXOM, desde esta agrupación cren que se debería ter en conta á hora de revisar a licenza a resolución da Xunta de 2008 que declarou ilegais parte das obras dun solar lindeiro, ao considerar que a liña límite da ordenanza é a que se debe seguir para delimitar o planeamento aplicable aos terreos e non a liña de delimitación de núcleo.

    Os nacionalistas ribeireses lamentan que o executivo local prime criterios de maior edificabilidade en detrimento da dotación de espazos públicos e da protección ambiental.

    Redacción Barbanza