Os pais do IES Félix Muriel mobilizaranse ante a perda dunha liña de transporte

    RIANXO> Os pais e nais afectados pola supresión dun autobús escolar do IES Félix Muriel de Rianxo, concretamente o que cubría a liña da Vacariza ata o centro educativo, preparan mobilizacións. Deste xeito pretenden facer unha chamada de atención que provoque un cambio na postura da consellería de Educación, que se mantén firme na súa decisión de retirar este autocar, a pesar das reiteradas solicitudes por parte da comunidade educativa. Os pais informaron de que xa teñen presentado un escrito ante a Valedora do Pobo denunciando a súa situación e rogándolle que se interese polo seu problema. Ademais teñen tamén solicitada unha entrevista co Secretario Xeral Técnico da Consellería, Jesús Oitavén, pero polo de agora aínda non obtiveron resposta. Outra das accións reivindicativas que están a tomar é a recollida de sinaturas entre a veciñanza, ó considerar que se lles está a causar un grave prexuízo.