A Xunta mellorará a seguridade vial na estrada AC-305 ó seu paso por Rianxo

    mellorasestradarianxo_100_040407.jpgRIANXO > Os cortes na vía rápida que comezarán a producirse dende o 21 de abril obrigarán a reforza-la seguridade nas estradas alternativas.

    Precisamente ese é o obxectivo do executivo rianxeiro que xa lle plantexou á Consellería de Política Territorial a necesidade de mellorar a estrada AC-305 coa colocación de semáforos en certos cruces, a habilitación de arcéns para os peóns e a renovación do firme.

    Durante a pasada semana xa se desprazaron ata o municipio rianxeiro varios técnicos adscritos ó departamento de Obras Públicas para examinar o estado en que se atopa a estrada comarcal. A partir de que se inicien os primeiros cortes na vía rápida, a AC-305 deberá soportar un volume de tráfico moi superior ó habitual polo que o concello solicitou á Xunta a mellora da seguridade vial en certos tramos.

    Algunhas das zonas máis perigosas son A Burata ou as curvas da Casilla, onde está prevista a construción de arcéns para os peóns. Ademais, a intención do concello é que se instalen semáforos para a regulación do tráfico no cruce de Muíños e na intersección cara o porto de Taragoña, en Burés e na recta de Taragoña.

    De momento, xa están en marcha os traballos para a renovación da capa de rodadura e dende o executivo municipal agárdase que o resto de actuacións dean comezo canto antes para poder garanti-la maior seguridade a partir do día 21. Ademais o concello solicitou á delegación do goberno en Galicia o incremento da vixilancia para evitar accidentes e favorece-la fluidez do tráfico.

    Redacción Barbanza